Orixes da Rede

Actualmente puxemos todas as nosas ferramentas ante a crise do Covid19, pero aquí as nosas orixes:

A ferramenta

Quen non coñece a xente explotada no seu traballo? Cantos empresarios abusan dos seus e das súas traballadoras? Cantas persoas están afogadas polo incremento do aluguer ou o banco? Cantas son extorsionadas polo propietario? E a especulación? Cantas persoas están sendo estafadas agora mesmo en diferentes situacións?

Ante isto non podemos quedar paradxs, temos que actuar!

Por iso, seguindo as experiencias doutras redes de solidariedade ao longo da historia e noutros puntos da xeografía, un grupo de persoas comprobamos a ausencia dunha rede local en Lugo, polo que decidimos poñernos en marcha.

Máis que dun desexo nacemos dunha necesidade. Unha necesidade ante a precariedade que aboca as nosas vidas, non só no mundo do traballo, senón tamén fóra de el. Ante un sistema cada vez máis voraz onde a loita de clases preséntasenos como unha “cousa do pasado”.

Pero non vimos aquí a teorizar, nin a a preguntar a que partido ou sindicato pertences, nin a pedir «carnés de militancia», senón a poñer en práctica redes de solidariedade para enfrontar as impostas precarias condicións de vida, tecer lazos e inverter a vulnerabilidade que produce o illamento do que bebe o sistema actual.

Coñecemos de primeira man a miseria deste sistema escravista, racista e machista; e son moitas as inxustizas que día a día as persoas de abaixo sufrimos sen que exista unha rede que logre unificar forzas.

Entendemos que esta realidade non vai poder cambiar só dende as institucións, a través de mitins ou dos sindicatos, senón que a alternativa é a organización, a colaboración e a acción por parte das persoas ás que nos une a precariedade e os diferentes tipos de opresións.

Por iso facemos un chamamento quen están a sufrir calquera tipo de discriminación ou que queiran colaborar en pro da eliminación destas.

TEZAMOS REDE!

Como funcionamos?

Niveis de implicación

Antes de explicar como funcionamos, falemos dos diferentes niveis de compromiso que hai:

Simpatizantes:

  • Ofrecerán o seu contacto para engadilxs á lista de correo e así poder estar ao tanto das accións.
  • Recibirán chamadas da Rede para confirmar a asistencia ás accións, pero non é obrigatorio asistir a todas.

Membros:

  • Acudirán a todas as accións.
  • Poden asistir ás asembleas,  pero non é obrigatorio neste nivel de implicación.
  • Forman parte da cadea de chamadas procurando mobilizar aos seus contactos para unha maior asistencia ás accións.

Organizadorxs:

  • Compromiso organizativo, ou sexa reunirse coas personas que precisen apoio e asistir ás asembleas e ás accións.
  • Rampa principal da cadea de chamadas. Atenderán ao teléfono e chamarán a membrxs e simpatizantes para difundir as accións.

A rede funciona sen ningún tipo de subvención e non depende de ningún partido, sindicato nin organización por arriba. Somos independentes e somos o que queremos ser.

A práctica

A través de diferentes medios tentamos chegar á xente que poida presentar algún dos problemas plantexados. Cando nos contactan é entón cando nos poñemos en marcha para buscar unha solución colectiva dividida en tres fases:

Primeira fase

Chamada coa persoa:

  • Escoita activa.
  • Explicamos a nosa idea e como funcionamos.
  • Se procede, convocamos unha cita co colectivo.

Reunión coa persoa. Reúnense unha ou dúas organizadoras coa persoa:

  • Escoita: escoitar á persoa afectada e que poida desafogar nun espazo seguro.
  • Educación: infórmase da situación e das posibilidades.
  • Organización: compromiso entre a rede e por parte da persoa afectada a ser parte das accións súas e doutra xente que se vexa abocada a unha inxustiza.

Asemblea interna. Nesta asemblea só estarán presentes membros da asemblea da RAML. Decidirase se se acepta actuar ou non seguindo tres premisas básicas:

  • Temos suficiente motivación?
  • A persoa está disposta a participar?
  • Temos posibilidades de gañar?

Segunda fase

Asemblea da RAML máis a persoa afectada:

  • Redacción das reivindicacións (onde a persoa afectada levará o peso).
  • Sentar mínimos e bases para a campaña..
  • Deseño do «plan conxunto de acción».

Formular as reivindicacións:

  1. Cal é o problema?
  2. Que facer para solucionalo?

A persoa ten que estar involucrada na redacción e conforme coa versión final.

Terceira fase

Acadar o obxectivo de xeito colectivo.

Recursos

Sección de recursos multimedia, carteis para que imprimas ti mesmx e distribúas, textos…

Carteis (para descargar: clic para agrandar imaxe e «Gardar imaxe como…»):

Libros:

  • “Rede de Solidariedade de Seattle. Unha experiencia de apoio mutuo e acción directa”

Este libro é unha guía práctica para tecer unha rede de solidariedade. Conta a experiencia dunha loita que leva a cabo en Seattle (EE. UU.) desde 2007. A Rede de Solidariedade de Seattle (Seasol) é unha “organización de apoio mutuo formada por traballadorxs e inquilinxs, que loita por reivindicacións colectivas mediante a acción directa”. Supón unha reflexión xenérica sobre a loita cotiá, que achega formulacións útiles para calquera que pretenda levar a cabo unha loita verdadeiramente efectiva. Está dividido en tres partes: unha guía sobre como tecer unha rede de solidariedade, unha formulación teórica-práctica sobre a necesidade de facelo e unha entrevista a un dos membros, que conta a súa experiencia de primeira man. Unha mostra de praxe colectiva de enfrontamento que dá froitos e vitorias, na que é necesario trasladar os postulados teóricos da loita á realidade cotiá. Seasol consegue triunfar nisto expondo a necesidade de abordar só as batallas cuxa vitoria se ve factible e non perder forzas e enerxías. Non se trata de “elixir” en que loitas participar, senón de reflexionar a loita colectivamente para que xere solucións reais a problemas concretos. En resumo, trátase dun texto que pode achegar solucións e ideas novas a algúns dos problemas aos que levamos tempo enfrontándonos e que demostra a capacidade de resposta dos traballadores fronte ás agresións do sistema máis aló dos discursos e as teorías.