Comunicado da Rede de Apoio Mutuo de Lugo fronte a presenza de militares na nosa cidade.
A falsa seguridade a través da militarización das rúas non frea a pandemia: a presenza de militares non evitará que os grupos de risco sigan sen ter a axuda necesaria para ir a comprar, tampouco que a patronal siga despedindo impunemente, o que agudizará a crise económica das xa precarizadas clases populares; tampouco velarán porque se cumpran as medidas de protección nos centros de traballo (lugares de alta probabilidade de transmisión), non mellorarán o funcionamento dos centros de saúde, nin poñerán ao servizo das nosas necesidades a produción das fábricas.
A súa función principal é transmitir unha falsa sensación de seguridade, onde a corentena -relativa- preséntase como a solución de todos os males. A presenza militar funciona, principalmente, no marco simbólico: o sistema mostra as súas carencias, polo que precisa poñer en marcha a maquinaria propagandística-estética. Así, ante o “pánico social” presenta ao exército a ritmo de marcha marcial como salvagarda das «civís», quen poden acabar sucumbindo con demasiada facilidade pola situación que vivimos de incerteza, sanitaria e economicamente, presente e futura.
Situación alimentada polos mass media e propiciada por unha política que busca reforzar a actitude social pasiva e dependente, propias das sociedades occidentais. Conformándose o suxeito illado, submiso, acrítico e desprovisto de comunidade para poñerse ao servizo da servidume e o autoritarismo, como se fose a forma que ten o estado neoliberal de compensar o que nos debe.
Son moitos os miles de millóns que se invisten nas forzas militares, pero queda claro que o exército non trae «nin pan nin rosas» ao pobo, e que é a nós a quen nos corresponde asumir novos roles, dende o comunitario, a empatía e a solidariedade de clase.